Sunday 19 de May de 2024

O verán pobrense volverá contar con xornadas de turismo mariñeiro


A Pobra do Caramiñal segue a lle incorporar actividades á axenda de lecer para desfrutar deste verán na localidade coa vista posta no mar. Neste senso, a Concellaría do Turismo aposta novamente polas xornadas de turismo mariñeiro que xerminaron en 2017 coa colaboración da asociación Mar da Pobra.

Estas sesións permiten que as persoas participantes se poñan na pel dos/as profesionais do marisqueo de a pé, coñece-los recursos marisqueiros presentes no litoral pobrense e os aparellos que se empregan para a súa extracción. Destaca, polo tanto, o carácter lúdico, pero tamén formativo, desta proposta que nos dous últimos anos se diversificou facéndoa tamén extensiva ao período lectivo con obradoiros dirixidos en exclusiva aos centros de ensino de toda Galicia. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, explica que se prosegue así na liña da difusión e de pór en valor a tradición mariñeira, o oficio da xente do mar e a materia prima de calidade para a nosa gastronomía.

Estas visitas-experiencia dividiranse entre a praia dos Areos e a dos Raposiños en función da marea nos vindeiros dous meses. As datas elixidas son o xoves 13 e venres 21 de xullo, así como os martes 1, 8, 22 e 29 de agosto.

A dinámica será a habitual: iniciarase cunha charla informativa para despois constatar na praia todo o exposto.

O prezo para desfrutar desta actividade, que inclúe un receitario e unha viseira, establécese nos 12 euros por persoa adulta e será de balde para menores de 10 anos. Deberase efectua-la reserva con anterioridade a través dunha das seguintes canles: de maneira presencial na oficina de información turística -situada na Casa Mariñeira-, por vía electrónica mediante o enderezo turismo@apobra.gal, ou nos teléfonos de contacto 671090262, 687482835 ou 981843280 (marcando a extensión 2035).